658 081 269 info@agaexar.gal

O Fogar do Maior de Allariz acolleu a celebración da xornada profesional “Imaginación en Flor: O Arte do Xardín Efémero”, organizada pola Asociación Española de Paisajistas (AEP) en colaboración con AGAEXAR, e que serviu de escenario para a entrega dos V Premios Xardín Galego, uns galardóns que recoñecen a excelencia, a creatividade e a innovación no ámbito do paisaxismo galego.

A xornada reuniu a profesionais do sector, estudantes, empresas colaboradoras e representantes institucionais nun programa que combinou conferencias, presentacións técnicas, mesas redondas e experiencias creativas, rematando cunha visita ao prestixioso Festival Internacional de Xardíns de Allariz.

Tras a apertura institucional a cargo da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e do presidente da AEP, Iñaki Viñuela, a xornada arrancou cunha intervención clave: a conferencia de Iñigo Segurola, recoñecido paisaxista de LUR Paisaje e socio da AEP, titulada “LUR Garden: Xardín de Xardíns”. A súa intervención puxo o foco na importancia do deseño emocional, da biodiversidade e da arte nos espazos efémeros, recibindo grande interese e ovación por parte dos asistentes.

Tamén se destacou a participación activa das empresas patrocinadoras, Rain Bird e Makita, que presentaron novidades técnicas en sistemas de rega intelixente e ferramentas para a xardinaría profesional, respectivamente. A súa colaboración demostra o forte vínculo entre innovación tecnolóxica e deseño sostible no sector.

Entrega dos V Premios Xardín Galego

No ecuador da xornada, ás 13:15h, celebrouse a entrega da V edición dos Premios Xardín Galego, conducida por Cristina Cid e o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela. Os galardóns, promovidos por AGAEXAR, teñen como obxectivo visibilizar proxectos inspiradores de xardinería pública e privada en Galicia.

Primeiro premio: “Espazo Natural Rosalía Mera” – Conchi Pérez Dopico (Talleres Trébore Xardinería). Un proxecto que fusiona educación ambiental, participación social e deseño ecolóxico, creando un espazo vivo que combina funcionalidade, biodiversidade e estética. O xurado destacou “a súa resiliencia, o uso intelixente de materiais e a capacidade para integrar a comunidade no coidado do entorno”.

Segundo premio: “Rehabilitación do Concello Vello de Moaña” – Ana Anguiano Blanco (Píntega Xardíns). Un xardín vertical innovador, esteticamente atractivo e ambientalmente eficaz. O xurado puxo en valor a súa complexidade técnica, o impacto positivo na cidade e a súa viabilidade como solución sostible para espazos urbanos densos.

Terceiro premio: “Rehabilitación e deseño de xardín en San Vicente de Mañufe” – Ángel Romero Rodríguez (ARomero Paisaxismo). Unha intervención que equilibra tradición e modernidade, con integración arquitectónica, materiais locais e respecto polo carácter do lugar. O xurado valorou a súa sobriedade e calidade estética.

Mencións honoríficas:

  • 4.º posto: Proxecto Residencial Foxos (Sanxenxo), de Carmela Moral Ardines (Orza Paisaxismo)
  • 5.º posto: Reaxardinamento zona exterior – Proxecto Marga-Sabarís, de Marina Muñoz Orta (Brivegmar)

O xurado agradeceu a participación de todos os candidatos e recoñeceu a elevada calidade técnica e creativa das propostas, que mostran a consolidación do sector do paisaxismo en Galicia.

Tarde de reflexión e experiencias

Pola tarde, a xornada continuou coas ponencias de profesionais como José Souto, que afondou nas claves dun deseño gañador en Allariz, e Sinda Dávila, que reflexionou sobre o festival como ferramenta creativa e profesional.

A sección Pecha Kucha, protagonizada por estudantes como Adriana Villar e Lara Caamaño, demostrou o talento emerxente e a forza das novas xeracións no campo da paisaxe.

A xornada pechouse cunha visita guiada ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz, onde os asistentes puideron ver de primeira man os xardíns efémeros deseñados para esta edición, converténdose nun espazo de aprendizaxe viva e inspiración directa.

Galicia florece co paisaxismo

Os Premios Xardín Galego consolidan o seu papel como escaparate de excelencia profesional, comprometido coa creatividade, a natureza e a calidade dos espazos verdes en Galicia. A colaboración entre entidades, empresas e profesionais fai medrar un sector que cada vez está máis conectado co benestar social, a sustentabilidade e a innovación.