658 081 269 info@agaexar.gal

Fotografía de portada: Laszlo Oveges / Unsplash · Licenza de uso.

Hai estacións que nos convidan a mirar con máis calma. No xardín, o outono trae novas cores, outras tarefas e a oportunidade de preparar o que virá. No sector, outubro chega tamén con encontros, aprendizaxes e novas alianzas.

Neste número abrimos a porta a unha nova empresa colaboradora, Protección Verde, achegámonos ás novidades das empresas colaboradoras e poñemos o foco nunha cita moi especial para Galicia: o I Congreso Internacional de Xardinaría da FEEJ, coa participación de AGAEXAR como entidade anfitrioa. Un mes para compartir coñecemento e seguir facendo medrar o noso sector.

01 · REVISTA DIXITAL

Actualidade de AGAEXAR e do sector

Galicia, punto de encontro para a xardinaría profesional

Santiago está a piques de acoller unha conversa internacional sobre o futuro da xardinaría

O 29 de outubro, o edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá o I Congreso Internacional de Xardinaría da FEEJ. Para AGAEXAR, entidade anfitrioa e integrante da Federación, é unha oportunidade para achegar ao noso territorio experiencias e miradas do sector verde europeo.

O programa reúne voces que abordan a xardinaría desde ámbitos complementarios: Enric Sancho, coa selección de especies e a adaptación climática; John Stewart, coa experiencia no céspede deportivo; Beatriz Castiglione, coas solucións baseadas na natureza; Christian Amiel, cos xardíns de Albi; Makita, coa descarbonización do mantemento; e Eduardo Barba, co xardín entendido como refuxio para as persoas e a natureza.

A cita coincidirá coa presenza en Galicia do Presidium da ELCA e do seu Comité de Empresas. Un contexto que reforza o intercambio de coñecemento e a conexión das empresas galegas co sector europeo.

Desde AGAEXAR agradecemos a implicación das entidades, empresas patrocinadoras, profesionais e medios que están facendo posible este encontro.

Cartel do I Congreso Internacional de Xardinaría da FEEJ

Consultar o programa →
Información e inscricións →

6–8 OUTUBRO · VALENCIA

Iberflora 2026, do 6 ao 8 de outubro

Imos preparando as maletas: Iberflora está á volta da esquina

A próxima semana toca facer as maletas: do 6 ao 8 de outubro, Feria Valencia acollerá Iberflora 2026. A feira propón unha nova edición arredor da innovación, a produción vexetal e os retos do sector verde, con espazos como o Bosque infinito e a nova Esfera Verde.

As Xornadas Técnicas da FEEJ, os días 6 e 7, partirán dunha idea moi próxima ás empresas: «Soluciones simples a problemas complejos en jardinería».

O día 6 abordarase a naturalización dos espazos construídos, a xestión da auga urbana, os plans de arborado, as pragas e enfermidades e a representación do sector nas institucións europeas. O día 7 chegarán as experiencias de viveiro, a biodiversidade e a selección de especies, as ferramentas dixitais para organizar o traballo, a realidade das pemes ante o convenio colectivo e un obradoiro práctico de intelixencia artificial aplicada á xardinaría.

A participación nas xornadas é gratuíta, con inscrición previa e prazas limitadas.

Imaxe da noticia de Iberflora publicada por AGAEXAR

Ler a noticia en AGAEXAR →
Ver o programa das xornadas →
Inscribirse nas xornadas →

02 · REVISTA DIXITAL

Outras novidades · axenda verde

Datas para descubrir, compartir e planificar

Outubro reúne encontros de interese para quen traballa coa vexetación, a paisaxe e os espazos verdes. Estas son algunhas das citas para ter á man:

6–8 OUTUBRO

Iberflora

Valencia

6–8 OUTUBRO

Fruit Attraction

Madrid

16–17 OUTUBRO

DeltaLand

Amposta

22–23 OUTUBRO

V Encontro Internacional Hispanoárabe de Xardinaría

Málaga

27–30 OUTUBRO

World Green Infrastructure Congress

Barcelona e Lleida

29 OUTUBRO

I Congreso Internacional de Xardinaría da FEEJ

Santiago de Compostela

Ampliar a axenda en AGAEXAR →
Coñecer o encontro de Málaga →

Allariz: unha última visita aos «Xardíns da Liberdade»

A XVI edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz continúa aberta ata o 31 de outubro de 2026. Baixo o lema «Xardíns da Liberdade», a visita permite descubrir distintas formas de interpretar a paisaxe e a creatividade a través do xardín.

Desde AGAEXAR, que colaboramos estreitamente na edición do festival, animamos a quen aínda non se achegou a facer esta visita. Aínda estás a tempo de descubrir os «Xardíns da Liberdade»: unha ocasión para pasear, compartir inspiración co equipo e levar novas ideas ao teu traballo antes de que remate a tempada.

Xardín do Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2026
Imaxe da edición 2026 · Festival Internacional de Xardíns de Allariz / AGAEXAR

Información para a visita →

03 · REVISTA DIXITAL

Servizos e acordos

Recursos que acompañan ás empresas asociadas

AGAEXAR e ATA: apoio tamén na xestión do negocio

O acordo directo de colaboración entre AGAEXAR e ATA permite achegar ás persoas asociadas recursos que van máis alá do traballo no xardín: ferramentas e vantaxes para a organización diaria da súa actividade profesional.

Recursos de ATA para as persoas asociadas a AGAEXAR

Protección de datos: poñer orde na documentación

Na xestión dunha empresa tamén hai tarefas que non se ven no xardín, pero que precisan atención. Os datos de clientes, provedores e persoal forman parte do traballo diario: ter a documentación organizada facilita esa xestión.

Grazas ao acordo directo de AGAEXAR con ATA, as persoas asociadas poden acceder gratuitamente a Signo, unha plataforma cun proceso guiado para xerar documentación e identificar medidas de actuación en materia de protección de datos.

O percorrido comeza cun formulario sobre a actividade e permite obter a documentación e as medidas que deben implantarse. Desde AGAEXAR destacamos o valor de contar cunha ferramenta accesible e cun servizo de apoio para resolver dúbidas durante o proceso.

Para solicitar asistencia, o soporte de Signo atende no 911 218 015. ATA tamén ofrece información no 900 101 816.

Consultar a vantaxe e as condicións de acceso →

Viaxes profesionais: vantaxes en iryo a través de ATA

O acordo entre ATA e iryo incorpora vantaxes para os desprazamentos das persoas autónomas. Pode ser un recurso para organizar viaxes a feiras, reunións ou encontros profesionais nas rutas cubertas pola compañía.

Para coñecer o acceso ao código persoal e as condicións aplicables, pódese contactar con ATA no 900 101 816.

Tren de alta velocidade circulando por unha vía
Fotografía de recurso: linfeng Li / Unsplash. Non corresponde a un tren de iryo. Fonte · Licenza

Información do acordo ATA–iryo →

04 · REVISTA DIXITAL

Empresas colaboradoras

Novas incorporacións, coñecemento e solucións para o sector

Benvida, Protección Verde

Protección Verde

Desde AGAEXAR damos a benvida a Protección Verde como nova empresa colaboradora. Protección Verde é unha empresa especializada na subministración e no asesoramento técnico para profesionais da xardinaría, o mantemento de zonas verdes e o céspede profesional.

Desde Carballo traballa con empresas de xardinaría, responsables de mantemento, instalacións deportivas e administracións, ofrecendo solucións para a implantación, nutrición, conservación e mellora dos espazos verdes.

Que achega esta incorporación á nosa rede? Un apoio especializado para escoller produtos e planificar os coidados de cada espazo. Para quen mantén un parque, coida un xardín ou traballa nunha instalación deportiva, ese acompañamento axuda a orientar as intervencións segundo as necesidades reais da vexetación.

O seu catálogo reúne sementes, fertilizantes, substratos e solucións de protección vexetal. Traballa con firmas de referencia como ICL Growing Solutions, Gramoflor, Pöppelmann TEKU, Probelte, Sipcam Jardín e Syngenta, entre outras.

Protección Verde combina a oferta de produtos cun asesoramento técnico que orienta sobre a elección e o uso das solucións. Ese é o valor engadido: contar cun interlocutor que axude a valorar as necesidades da instalación e a organizar os coidados ao longo do ano.

A incorporación de Protección Verde á nosa rede suma un recurso útil á nosa comunidade: poder contrastar unha necesidade concreta, planificar o mantemento e contar cun apoio especializado. Benvida á rede, Protección Verde!

PROTECCIÓN VERDE · PROPOSTAS PARA ESTE NÚMERO

Solucións de ICL para xardíns e céspedes

Neste primeiro número, Protección Verde pon o foco en ICL Growing Solutions e nas súas solucións para o mantemento profesional do céspede. A empresa traballa coas gamas de ICL destinadas tanto á xardinaría e aos parques públicos como aos campos deportivos e ás superficies de céspede de mantemento intensivo, o que permite propoñer programas de abonado adaptados ás necesidades concretas de cada instalación.

ICL conta cunha gama moi completa que abrangue fertilizantes de alta calidade, solucións de liberación lenta e controlada, nutrición específica para cada época do ano, produtos para implantación e resementeira, bioestimulación e solucións para mellorar a xestión da auga e a resposta do céspede ante situacións de estrés.

As gamas LandscaperPro e ProTurf acompañan esta proposta, desde o coidado de xardíns ata as necesidades das superficies deportivas.

ICL LandscaperPro e Protección Verde: coidado dun xardín
ICL LandscaperPro e Protección Verde: xardín formal
ICL ProTurf e Protección Verde: céspede dun estadio
ICL ProTurf e Protección Verde: campo de golf

Coñecer Protección Verde → · Consultar as solucións para áreas verdes →

Novidades das empresas colaboradoras

Grupo Greens / ECHO · a batería amplía as tarefas profesionais

Co cambio de estación tamén cambian os traballos de mantemento. A ampliación da gama ECHO 56V eFORCE incorpora equipos para responder a esas necesidades, como o soprador de mochila DPB-5900T e as rozadoras DSRM-3500U e DSRM-2400L.

Desde AGAEXAR vemos interese nestas novidades para as empresas que buscan adaptar a maquinaria ás tarefas de outono. O soprador incorpora un sistema de triple batería para axustar a autonomía ao traballo, mentres que as novas rozadoras amplían as opcións para distintos usos. Antes de escoller, convén valorar as superficies, a duración das tarefas e a organización das recargas do equipo.

Grupo Greens: catálogo ECHO outono-inverno 2026/2027
Grupo Greens / ECHO · Catálogo outono-inverno 2026/2027

Coñecer a ampliación da gama ECHO →

ICL · Cal-BOOST® leva a innovación nutricional a Iberflora

Cal-BOOST®, de ICL, é candidato aos Premios Iberflora Innovación 2026 na categoría de sustentabilidade. A proposta está orientada á horticultura ornamental e aos retos nutricionais dos substratos alternativos á turba.

Este fertilizante encapsulado combina a eficiencia no aproveitamento do nitróxeno coa achega de calcio e magnesio. Desde AGAEXAR consideramos interesante coñecer esta proposta para os traballos con planta ornamental e substratos alternativos á turba: unha ocasión para contrastar co equipo técnico como encaixa nas necesidades de nutrición de cada proxecto.

Cal-BOOST de ICL: fertilización para horticultura ornamental
Material oficial de ICL

Ler a novidade de ICL →

Rain Bird · aprender sobre rega ao teu ritmo

Actualizar coñecementos tamén forma parte de coidar ben un espazo verde. Rain Bird Learning On-Demand ofrece formación gratuíta en liña sobre fundamentos da rega, produtos, sistemas e aplicacións da marca, con contidos dispoñibles baixo demanda.

Para quen deseña, instala ou mantén sistemas de rega, a vantaxe está en aprender ao propio ritmo e retomar os temas cando se precisan. A plataforma permite acceder desde distintos dispositivos e encaixar a aprendizaxe na xornada de traballo.

Desde AGAEXAR animamos as empresas asociadas a compartir este recurso cos seus equipos: tanto para acompañar a incorporación de novas persoas como para reforzar coñecementos antes de abordar un proxecto. Escoller os contidos relacionados co traballo de cada profesional facilita unha formación máis próxima ás necesidades da empresa.

Rain Bird Learning On-Demand: formación sobre rega
Material oficial de Rain Bird

Consultar a plataforma de formación →

Riversa · cincuenta anos cultivando confianza

Riversa celebra o seu 50 aniversario baixo o lema «cultivar confianza». Nacida en Marbella en 1976, reuniu provedores, distribuidores, clientes, colaboradores e equipo para compartir cinco décadas de evolución.

A xornada «50 años cultivando confianza», en Fuengirola, repasou os principais fitos a través das voces do propio equipo. A celebración continuou nas instalacións de Marbella, cunha verbena que puxo en valor as raíces e o carácter próximo da compañía.

A súa actividade abrangue a xardinaría profesional, o golf, a rega, os repostos e o alugueiro. Ao asesoramento súmase o servizo posvenda, con asistencia técnica, mantemento, recambios e formación.

Para as nosas empresas, o valor está no acompañamento: coñecer as opcións antes de escoller un equipo e contar con apoio durante a súa vida útil. Desde AGAEXAR felicitamos a Riversa por unha traxectoria construída arredor das persoas e do traballo profesional.

Celebración do 50 aniversario de Riversa
Material de comunicación do 50 aniversario · Riversa

Coñecer a celebración e a traxectoria de Riversa →

05 · REVISTA DIXITAL

Formación e convocatorias

Ideas que se len, se comparten e se poñen en práctica

Unha lectura para mirar o xardín como ecosistema

Sin plantas en la lengua: del decorado al ecosistema, de Ignacio Ribera, propón unha reflexión sobre o papel das plantas na construción da paisaxe. Unha invitación a pensar o xardín máis alá da súa aparencia e a poñer a vexetación no centro das decisións.

Unha lectura de interese para quen deseña, mantén ou simplemente quere comprender mellor os espazos verdes.

Portada do libro Sin plantas en la lengua, de Ignacio Ribera
Portada facilitada por Academia del Paisaje

Coñecer Academia del Paisaje →

14 de outubro · bioactivación vascular e endoterapia no arborado urbano

GuíaVerde organiza un webinario gratuíto en liña o 14 de outubro, ás 16:00 h, horario peninsular, sobre «Bioactivación vascular. Xilemax CE y la endoterapia frente al estrés del árbol urbano».

A sesión contará con Lorenzo Gómez Camacho, doutor en Química de Fertinyect, e abordará o coidado do arborado urbano fronte ao estrés. A participación require inscrición previa.

Webinario de GuíaVerde sobre bioactivación vascular e endoterapia
Imaxe da noticia · AGAEXAR / GuíaVerde

Información e acceso á inscrición →

Talento europeo: o teu equipo pode ser a súa próxima aula

Compartir o oficio tamén é unha forma de facer medrar o sector. Abrir as portas da empresa a alumnado en prácticas permite transmitir coñecemento e recibir novas preguntas e perspectivas sobre o traballo diario.

O Institut de Genech busca empresas galegas do sector verde interesadas en acoller alumnado francés en prácticas Erasmus+ durante o curso 2026–2027. A proposta inclúe perfís vinculados á xardinaría, aos viveiros e aos espazos naturais.

A primeira xanela prevista vai do 17 de outubro ao 7 de novembro de 2026, con outras posibilidades en febreiro, abril e xuño–xullo de 2027. O calendario e o encaixe de cada estancia deben concretarse co centro.

As empresas poden acoller unha ou dúas persoas e achegarlles unha experiencia real de traballo. O centro coordina os convenios e o seguimento; o programa Erasmus+ financia a viaxe e o aloxamento, e as prácticas propostas non son remuneradas.

Para participar, cómpre definir a persoa titora, as tarefas e as condicións da estancia co equipo coordinador. Unha oportunidade para compartir coñecemento e achegar novas miradas ao traballo diario.

Proposta de prácticas Erasmus+ para empresas galegas do sector verde
Talento europeo · AGAEXAR

Consultar a proposta e os contactos →

O outono cambia as cores.
Compartir coñecemento abre camiños.

Grazas por acompañarnos neste número e por seguir construíndo unha xardinaría galega con ideas, oficio e futuro.

AGAEXAR
Asociación Galega de Empresas de Xardinaría
www.agaexar.gal

Adorno do peche xerado con intelixencia artificial.