658 081 269 info@agaexar.gal

Se chove, que chova, proxecto gañador do premio do público do FIXA 2025.

A liberdade xa florece en Allariz.

O pasado sábado inaugurouse oficialmente a XVI edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA), unha das grandes referencias do paisaxismo contemporáneo na península e unha cita imprescindible para profesionais, empresas e persoas apaixonadas polo sector verde.

Baixo o lema “Xardíns da liberdade”, esta nova edición reúne propostas chegadas de diferentes partes do mundo nun percorrido no que natureza, arte e reflexión dialogan a través do deseño paisaxístico.

AGAEXAR estivo presente neste acto inaugural da man do seu presidente, Víctor Pérez, quen asistiu tamén en representación da Federación Española de Empresas de Jardinería (FEEJ),e como membro do xurado do festival, compartindo xornada con representantes institucionais, profesionais do ámbito da paisaxe e entidades vinculadas ao sector verde.

Imaxe do acto inaugural do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.

O festival consolida así a súa dimensión internacional cunha edición marcada pola diversidade cultural e creativa, con proxectos procedentes de Sudáfrica, Países Baixos, Colombia, Chile, México, Austria, Italia, Portugal e diferentes puntos do Estado.

A inauguración estivo tamén cargada de emoción co recordo a Francisco García, figura profundamente vinculada ao festival e ao seu desenvolvemento ao longo dos anos. O seu legado continúa presente nun espazo que segue demostrando como a paisaxe pode transformar o territorio e conectar ás persoas coa natureza desde a creatividade e a sensibilidade.

Desde AGAEXAR queremos destacar o enorme valor deste tipo de iniciativas para o impulso do paisaxismo, da sustentabilidade e da cultura da paisaxe en Galicia, situando o noso territorio como referente internacional en innovación verde e deseño sostible.

🌿 O recinto permanecerá aberto durante os próximos meses, convidando a descubrir un percorrido único no que cada xardín propón unha mirada diferente sobre a liberdade.

📍 Allariz
🌸 XVI Festival Internacional de Xardíns
👉 Unha visita imprescindible para quen entende a paisaxe como emoción, cultura e futuro.