A Federación Española de Empresas de Jardinería (FEEJ) celebrou o pasado 16 de abril a súa Asemblea Xeral en Breña Baja (La Palma), nun encontro no que se abordaron os principais retos do sector e se avanzaron algunhas das liñas de actuación para 2026.
Durante a xornada, na que participaron representantes das asociacións integradas na Federación, aprobáronse o peche contable de 2025, as novas cotas e o orzamento para o vindeiro exercicio.
Un dos puntos máis relevantes foi a análise do novo convenio estatal de xardinaría 2025–2030, cuxa aplicación está a xerar preocupación no sector. Desde a FEEJ advírtese do impacto negativo que pode ter en moitas pequenas e medianas empresas, con posibles consecuencias como a redución de cadros de persoal ou incluso o peche de actividade.
Así mesmo, a Federación continuará trasladando á Administración a necesidade de revisar o modelo de negociación colectiva, co obxectivo de que reflicta de forma máis equilibrada a realidade das empresas do sector.
No ámbito da colaboración, a FEEJ asinou recentemente un convenio coa ATA, que permitirá ás empresas asociadas acceder a vantaxes, descontos e información de interese.
🟢 EVENTOS
De cara aos próximos meses, a Federación xa traballa na organización do I Congreso FEEJ, que se celebrará o vindeiro 29 de outubro en Santiago de Compostela, un evento de especial relevancia que coincidirá coa celebración da Junta, o Presidium e a excursión da ELCA, a organización europea á que pertence a FEEJ. Será a cuarta vez en 20 anos que ELCA celebra o seu Presidium en España.
Así mesmo, acordouse a celebración de dúas xornadas técnicas os días 6 e 7 de outubro no marco de Iberflora, en Valencia.
Ao longo do ano potenciaranse tamén as xornadas cos socios colaboradores da Federación, reforzando a colaboración e o intercambio de coñecemento no sector.
A Asemblea volveu poñer de manifesto o compromiso da FEEJ coa defensa e o desenvolvemento do sector da xardinaría, nun contexto marcado por importantes desafíos, pero tamén por novas oportunidades de colaboración e crecemento.
Desde AGAEXAR, entidade integrada na Federación Española de Empresas de Jardinería (FEEJ), continuaremos informando de todas aquelas iniciativas e novidades que poidan resultar de interese para as nosas empresas asociadas.
Comentarios recientes