Desde AGAEXAR compartimos as principais conclusións do webinar organizado pola Federación Española de Empresas de Xardinería (FEEJ), centrado na aplicación práctica do novo Convenio Colectivo Estatal de Xardinería en pequenas e medianas empresas e profesionais autónomos con persoal ao seu cargo.
A sesión, celebrada o pasado 25 de marzo, contou coa intervención do avogado laboralista Agustín Benavent, experto en negociación colectiva, quen analizou o alcance do novo marco normativo e as súas implicacións reais para o sector.
Durante o encontro abordáronse cuestións clave que poñen de manifesto o impacto do convenio no contexto actual das pemes, así como a necesidade de adaptación estratéxica por parte das empresas.
Entre as principais conclusións, destacan:
🔹 Incremento significativo dos custos laborais
O convenio prevé subas acumuladas ata 2030, cun impacto estimado arredor do 30 % nos custos salariais, o que esixe unha planificación económica máis rigorosa.
🔹 Impacto desigual no sector
As grandes empresas contan cunha maior capacidade para absorber ou repercutir estes custos, mentres que as pemes afrontan maiores dificultades, especialmente no ámbito da actividade privada.
🔹 Necesidade de reforzar a representación sectorial
Ponse de relevo a importancia de que as pequenas empresas se agrupen para gañar capacidade de interlocución, defender os seus intereses e afrontar con maior solidez os procesos de negociación colectiva.
Neste novo escenario, non abonda con adaptarse de forma individual:
👉 o futuro do sector pasa por reforzar a súa estrutura colectiva.
Neste contexto, a FEEJ aposta pola aplicación responsable e progresiva do convenio, así como por solucións sostibles baseadas na negociación interna e na modernización da micropyme, orientada a gañar valor engadido.
Desde AGAEXAR continuaremos trasladando información relevante e apoio práctico ás empresas do sector, contribuíndo a unha adaptación sostible ao novo marco normativo.
💚 Canto máis forte sexa o sector, máis capacidade terá para influír no seu propio futuro.
E iso constrúese sumando.
Comentarios recientes