A arboricultura profesional ten na trepa unha das súas expresións máis esixentes, onde técnica, precisión e seguridade se combinan nun traballo altamente especializado.
San Sebastián converterase nos vindeiros días no epicentro da arboricultura a nivel estatal coa celebración do Campionato Nacional de Trepa de Árbores 2026, un encontro organizado pola Asociación Española de Arboricultura que reúne a profesionais, empresas e persoas apaixonadas polo coidado do arborado.
O programa desenvolverase ao longo de varias xornadas, combinando espazos de encontro profesional, formación e competición:
- 📅 29 de abril: encontros de arboricultura no Palacio dos Xardíns de Aiete
- 📅 30 de abril: obradoiros para arboristas e revisión de material
- 📅 1 de maio: probas oficiais do campionato, feira de materiais e Festa da Árbore
- 📅 2 de maio: gran final, entrega de premios e clausura
Durante o campionato, que terá lugar no Parque Cristina Enea, profesionais de todo o país porán a proba as súas habilidades en situacións que reproducen o traballo real en altura, sempre baixo estritos criterios de seguridade e boas prácticas.
Ademais da vertente competitiva, o evento contará cunha feira de materiais e maquinaria especializada, así como cun programa de actividades divulgativas abertas ao público, que buscan achegar a cultura da arboricultura e a importancia do coidado do arborado á sociedade.
Este tipo de encontros contribúen a visibilizar a especialización e o alto nivel técnico que require o traballo no sector, reforzando a profesionalización da arboricultura.
👉 Desde AGAEXAR poñemos en valor este tipo de iniciativas, que contribúen a dar visibilidade ao traballo dos profesionais e a seguir impulsando, de forma conxunta, o sector verde.
Comentarios recientes