Ás veces, detrás dunha cooperativa ou dunha sociedade laboral hai moito máis ca unha fórmula xurídica. Hai proxectos que continúan cando non hai relevo xeracional, persoas autónomas que deciden unir esforzos para crecer ou equipos de traballo que apostan por construír o seu futuro de forma colectiva.
Co obxectivo de apoiar estes procesos, a Xunta de Galicia abrirá o próximo 1 de xullo o prazo de solicitude do programa ES-Transforma, unha liña de axudas dirixida a cooperativas e sociedades laborais creadas nos últimos tres anos.
As subvencións poden cubrir gastos relacionados coa constitución ou transformación da entidade, asesoramento legal, imaxe corporativa, marketing e comunicación, protección de datos, equipamento informático, software, páxinas web, melloras de eficiencia enerxética, adquisición de equipamento, reformas, alugueiro de locais, mobiliario ou seguros, entre outros conceptos.
A contía máxima pode alcanzar os 46.000 € por entidade beneficiaria, incluíndo incrementos adicionais para proxectos situados no rural ou integrados maioritariamente por mulleres, persoas mozas, maiores de 45 anos, persoas con discapacidade, emigrantes retornados ou persoas trans.
📅 Prazo de solicitude: do 1 de xullo ao 15 de setembro de 2026.
Esta información foi remitida por ATA Galicia, que elaborou unha nota informativa para facilitar a comprensión da convocatoria e acompañar ás entidades interesadas no proceso de solicitude.
🔗 Consulta aquí a información completa, requisitos e contías.
Comentarios recientes