A quinta edición de DeltaLand, un dos encontros técnicos que se consolidou como referencia no ámbito do paisaxismo naturalista de inspiración mediterránea, celebrarase os próximos 16 e 17 de outubro de 2026 no Auditorio Municipal de Amposta (Tarragona).
Nacido en 2022 como unha iniciativa impulsada por Cultidelta, o evento experimentou un crecemento constante ata converterse nunha cita anual para profesionais do paisaxismo, da xardinaría, da arquitectura da paisaxe e do sector verde interesados no deseño sostible de espazos adaptados ao territorio e ao clima mediterráneo.
Un encontro para compartir coñecemento e experiencias
DeltaLand reunirá empresas, profesionais, administracións públicas, persoal investigador e especialistas nacionais e internacionais co obxectivo de intercambiar experiencias, analizar tendencias e reflexionar sobre algúns dos principais retos que afrontan actualmente a xardinaría e o paisaxismo.
O programa abordará cuestións como a biodiversidade, a adaptación ao cambio climático, o deseño de xardíns resilientes, a xestión sostible dos espazos verdes e a integración de solucións innovadoras en proxectos públicos e privados.
Un programa con destacados especialistas internacionais
A edición de 2026 contará con oito conferencias impartidas por profesionais de recoñecido prestixio procedentes de distintos países, entre eles Juan Grimm (Chile), Éric Ossart e Arnaud Maurières (Francia), Leon Kluge (Suráfrica), Frédéric Trifilio (Francia), Jacques Soignon (Francia), Liberto Dario (Grecia), Chio Garrido e Joan Batlle, entre outros.
O programa completarase cunha sesión de Pechakuchas, na que diferentes profesionais presentarán proxectos innovadores relacionados coa enxeñaría da paisaxe, a iluminación de xardíns ou as solucións sostibles aplicadas aos espazos verdes.
Actividades complementarias e ampliación do aforo
Ademais das conferencias, DeltaLand incluirá unha visita técnica ao Xardín Experimental de Cultidelta o 15 de outubro e unha excursión botánica o día 18, ofrecendo ás persoas asistentes a oportunidade de coñecer sobre o terreo diferentes propostas de paisaxismo mediterráneo.
O crecente interese que esperta este encontro levou á organización a ampliar o aforo ata as 300 persoas, consolidando así a súa posición dentro do calendario de eventos especializados do sector.
Formación e innovación para unha xardinaría máis sostible
Desde AGAEXAR, como entidade integrada na FEEJ, valoramos moi positivamente iniciativas como DeltaLand, que promoven a formación continua, o intercambio de coñecemento e a difusión de boas prácticas entre os profesionais do sector verde.
Esta cita constitúe unha excelente oportunidade para actualizar coñecementos, establecer novas colaboracións e coñecer experiencias que contribúen a impulsar unha xardinaría cada vez máis innovadora, resiliente e sostible.
Comentarios recientes