658 081 269 info@agaexar.gal

O certame “Vilas en Flor” vén de emitir o fallo para outorgar as súas distincións aos concellos participantes nesta terceira edición que puxo en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos coas súas flores de honra para os 26 concellos galegos participantes neste ano. 

 

Chantada e Allariz acadan de novo as catro flores de honra. O xurado distinguiu tamén a Caldas de Reis, Lalín, Tomiño e Salvaterra de Miño con tres flores; a os de A Guarda, Baiona, Carballiño, Culleredo, Cuntis, Cambados, Fene, Gondomar, Narón, Ponteceso, Sada, Sarria, Salceda de Caselas, Pontedeume e Mondoñedo con dúas flores, e os de Ortigueira, Tui, San Sadurniño, Guitiriz e Betanzos foron recoñecidos cunha flor de honra.

 

Este certame está organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), coa participación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e o patrocinio de Husqvarna e Rainbird.

O obxectivo principal desta iniciativa é a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación e representa a xeración dun selo de calidade e reclamo turístico.

 

 

Esta mañá celebrouse, nun acto virtual, a emisión do fallo e a entrega dos galardóns do certame Vilas en Flor. Participaron de xeito telemático a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto; o director do certame Vilas en Flor, Pedro Calaza, e a directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre.

 

O xurado desta edición estivo composto por Isabel Aguirre, Manuel Rodilla, Manel Rodríguez, Javier Padín, José Sánchez, Santiago Lamosa, Mª Isabel Iglesias, Manuel Torres, Xurxo Xoán González e Domingos Manuel Méndez. Distintos equipos formados polos membros do  xurado foron os encargados de realizar as visitas técnicas a cada un dos concellos participantes, co fin de reunir información e analizar no terreo os criterios que puntúan neste certame.

 

O Programa «Vilas en flor» persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación. Séguese así o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias, Andalucía e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

 

Trátase dun programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística destes concellos e a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de paisaxismo, axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

 

Méritos dos concellos con maior distinción este ano

O xurado destacou aos concellos distinguidos con catro flores de honra, Allariz e Chantada, polo gran esforzo realizado polos xestores municipais no eido da posta en valor do seu patrimonio natural. En concreto, respecto do Concello de Allariz, cunhas 14 hectáreas de zonas verdes na contorna urbana e unha ratio de 48 metros cadrados por habitante, destacouse o gran investimento en mantemento destes espazos, cunha especial complexidade este ano para a execución de proxectos pendentes debido ao confinamento e a elevada mortaldade de ameneiros (Alnus glutinosa) nas marxes do río. Tamén se valorou a oferta de actividades de turismo, medio ambiente e sustentabilidade, en particular a práctica da compostaxe comunitaria. En canto aos proxectos de futuro, destacáronse o parque infantil cuberto e un parque empresarial de catro hectáreas. En canto ao Concello de Chantada, destácanse as accións en áreas como patrimonio vexetal e paisaxístico, tanto polos espazos arborados e o uso de vexetación de temporada tanto no centro urbano como nos paseos de ribeira, cun óptimo estado de conservación e mantemento. En medio ambiente e sustentabilidade valórase especialmente a xestión da auga, o uso de técnicas de xeroxardinería, a compostaxe para uso municipal, así como a produción propia no viveiro municipal e a fabricación propia de madeira para mobiliario en zonas verdes. Tamén se observa un uso eficiente  dos recursos para o mantemento, cunhas zonas verdes coidadas e floridas.

 

CHANTADA

ALLARIZ

CALDAS DE REIS

TOMIÑO

SALVATERRA DO MIÑO

LALIN

A GUARDIA

BAIONA

CARBALLIÑO

CULLEREDO

CUNTIS

CAMBADOS

FENE

GONDOMAR

NARON

PONTECESO

SADA

SARRIA

SALCEDA DE CASELAS

PONTEDEUME

MONDOÑEDO

ORTIGUEIRA

TUI

SAN SADURNIÑO

GUITIRIZ

BETANZOS

 

Facebooktwitterredditpinterestlinkedinmail
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad