658 081 269 info@agaexar.gal

O certame “Vilas en Flor” entregou o pasado 2 de decembro as súas distincións nunha gala celebrada no Auditorio Municipal de Caldas de Reis. Este ano participaron 39 concellos de toda Galicia aos que se espera que se unan moitos máis durante o ano 2023, como salientou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, que presidiu este acto ao que asistiron representantes de todos os municipios participantes. Estiveron presentes tamén o primeiro tenente de alcalde de Caldas, Manuel González Martínez; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; o presidente da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR), Víctor Pérez Vilar, e o presidente da Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR), Ignacio Etxebarria. Antes da entrega dos galardóns pronunciou unha conferencia o biólogo Francisco Rodríguez Trinidad, sobre a mala praxe na xestión do arbolado urbano en pobos e vilas de Galicia.

Tras a ponencia deu comezo a entrega das distincións coa intervención do director do movemento Vilas en Flor e director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza, que agradeceu o apoio de ASVINOR e AGAEXAR como entidades organizadoras xunto coa impulsora da iniciativa, a Fundación Juana de Vega. Tamén destacou a implicación da Consellería de Medio Ambiente e das empresas patrocinadoras, Rain Bird e Husqvarna.

A continuación explicou as claves dunha iniciativa que iniciou a súa andadura en Galicia no ano 2018 co obxectivo de apoiar as boas prácticas no eido ambiental dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes. Comezou con só cinco participantes e foi tal o éxito do proxecto que se multiplicou ata acadar 39 localidades nesta edición. Pedro Calaza aclarou que Vilas en Flor non é un concurso sobre estética, senón que busca o recoñecemento ao labor que desenvolven os concellos para poñer en valor o medio ambiente, protexer e mellorar espazos verdes urbanos e rurais e contribuír á mellora da calidade de vida dos residentes, así como promover os atractivos turísticos vinculados ao paisaxismo.

A continuación tivo lugar a lectura da acta, pola que se concederon as flores de honra, que van de unha ao máximo de cinco, e se outorgan en virtude da análise dun xurado multidisciplinar composto por expertos profesionais e especialistas vinculados ao paisaxismo. A través de visitas técnicas a todos os municipios participantes, o equipo valorou aspectos relacionados co patrimonio paisaxístico, o respecto ao medio ambiente, o aproveitamento dos espazos verdes para fomentar a saúde pública, a xestión da auga e dos residuos, as actividades de promoción dirixidas á cidadanía e tamén a xestión turística.

Tras o acto de entrega interviñeron os representantes institucionais, que valoraron a excelente traxectoria de Vilas en Flor desde a súa posta en marcha en Galicia. Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente destacou o papel de Vilas en Flor para “descubrirnos tesouros da gran xoia natural que e Galicia”, e que é necesario seguir promocionando a nivel internacional. Agradeceu o esforzo dos organizadores e participantes e salientou a importancia de desenvolver accións para que os concellos prioricen os seus espazos verdes. Engadiu que a planificación, o ordenamento e o bo facer ao final teñen a súa recompensa, con recoñecementos como Vilas en Flor, co mérito engadido de que implica un enorme esforzo manter o nivel e seguir conquerindo este recoñecemento ano tras ano.

O presidente da Fundación Juana de Vega salientou que a entidade compre 150 anos tras o pasamento da súa inspiradora, que deixou por vontade testamentaria destinar o seu patrimonio á mellora da calidade de vida do rural. Un legado que a Fundación aborda desde numerosas frontes, como paisaxismo, a través da Escola Galega de Paisaxe. Neste marco inscríbese o Certame Vilas en Flor, sinalou Enrique Sáez, para destacar o labor que desenvolven as asociacións Agaexar e Avisnor neste ámbito, para contribuír á mellora da paisaxe dos municipios galegos. Tamén quixo transmitir a súa felicitación ao xurado e aos municipios galardoados.

O anfitrión do acto, o tenente de alcalde de Caldas de Reis, deulles a benvida a todos os asistentes ao seu concello, convertido na “capital das Vilas en Flor” e das boas prácticas en paisaxismo. Quixo transmitir os parabéns a este certame e agradecer ás distincións outorgadas a todos os concellos participantes, xa que “significan que imos no bo camiño na xestión da paisaxe dos nosos municipios”. Engadiu que desde o seu concello intentarán mellorar e acadar unha nova flor na próxima edición, para o que seguirán traballando nas liñas xa iniciadas, xa que “cremos moito neste proxecto e estamos moi implicados”.