658 081 269 info@agaexar.gal

O programa Vilas en Flor, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), é unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 45.000 habitantes.

Vilas en flor é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística dos municipios galegos, na liña da mellora ambiental e da man dun deseño e xestión sustentable dos espazos verdes que contribúa á mellora da calidade de vida dos seus habitantes e favoreza a imaxe dos municipios de cara aos visitantes e turistas. A xeración de espazos de formación, reflexión e debate entorno á xestión sostible, a promoción dos espazos verdes como punto de encontro entre as relacións sociais interxeracionais e a mellora da conciencia social cara ás políticas de sostibilidade ambiental dos espazos verdes urbanos, son algúns dos obxectivos que persegue.

As Flores de Honra, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Neste ano celébrase a 4ª edición, e o programa Vilas en Flor incorpora cinco novos concellos: A Estrada, Oza-Cesuras, Miño, Mondariz, Vilagarcía. Estes concellos súmanse os 26 participantes nas edicións anteriores: A Guarda, Allariz, Baiona, Betanzos, Caldas de Reis, Cambados, Carballiño, Chantada, Culleredo, Cuntis, Fene, Gondomar, Guitiriz, Lalin, Mondoñedo, Narón, Ortigueira, Ponteceso, Pontedeume, Sada, Salceda De Caselas, Salvaterra Do Miño, San Sadurniño, Sarria, Tomiño, Tui)

 

Nos próximos meses, un xurado profesional realizará as visitas a todos os concellos participantes e decidirá que concellos son merecedores de flores de honra.