Impulsado por AGAEXAR e ASVINOR, e apoiado pola Fundación Juana de Vega, Vilas en Flor Galicia presentou a semana pasada no Fórum Carballo a súa gala anual, na que participaron representantes institucionais, profesionais do sector do paisaxe e unha ampla representación dos 41 concellos que forman parte do movemento neste 2025. O acto estivo presidido por Enrique Sáez Ponte, Daniel Pérez López e Ángeles Vázquez Mejuto.
Un dos momentos centrais foi o recoñecemento ao labor dos municipios, que recibiron entre 1 e 5 Flores de Honra pola súa xestión ambiental.
Flores de Honra 2025
4 Flores de Honra (5 concellos): Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas, Tomiño.
3 Flores de Honra (13 concellos): Arteixo, Caldas de Reis, Cambados, Carballiño, Lalín, A Laracha, As Pontes de García Rodríguez, O Rosal, Salvaterra de Miño, San Sadurniño, As Somozas, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo.
2 Flores de Honra (14 concellos): Abegondo, Cuntis, Curtis, A Guarda, Leiro, Manzaneda, Marín, Mondariz-Balneario, Oza-Cesuras, Ponteareas, Sada, Sanxenxo, Sarria, Tui.
1 Flor de Honra (9 concellos): Covelo, Culleredo, A Estrada, Mondariz, Mos, As Neves, Pobra de Trives, Ponteceso, San Xoán de Río.
O director da Área de Paisaxe da Fundación, Pedro Calaza, destacou o papel esencial do grupo de avaliación, formado por 16 profesionais entre docentes universitarios, expertos en paisaxe, especialistas en viverismo e persoas cunha traxectoria ligada ao desenvolvemento territorial de Galicia. Segundo explicou, o xurado percorre durante semanas os municipios participantes para valorar a súa xestión ambiental.
Tamén asistiron ao encontro Víctor Pérez, presidente de AGAEXAR; Fernando Otero, vicepresidente de ASVINOR; e Enrique de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio.
Durante a gala presentouse a nova imaxe e o manual de marca de Vilas en Flor Galicia, que busca ofrecer aos concellos unha identidade visual común para reforzar o seu papel como embaixadores do movemento.
Os patrocinadores da edición 2025 son a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e as empresas Husqvarna e Rain Bird.
Comentarios recientes