O xurado da 5ª edición dos Premios Xardín Galego fixo pública a súa decisión logo de avaliar as propostas presentadas. Estes galardóns consolidan o seu prestixio dentro do ámbito do paisaxismo en Galicia, recoñecendo proxectos que combinan calidade técnica, respecto polo medio e implicación social.
O xurado estivo composto por profesionais de recoñecido prestixio:
- Jaume Alagarda Nacher, presidente da Federación Española de Empresas de Xardinería (FEEJ).
- Francisco Marco Rubio, presidente da Asociación Española de Xardinería Ecolóxica.
- Santiago Lamosa Quintero, doutor en Enxeñaría Agrónoma e profesor de paisaxismo na Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo).
- Álvaro-Fernando Roca Rodríguez, profesor de FP e enxeñeiro técnico agrícola, especialista en produción agraria.
Unha vez valoradas as cinco candidaturas participantes, acordouse conceder os seguintes premios:
Primeiro premio
Espazo Natural Rosalía Mera
Autora: Conchi Pérez Dopico
Empresa: Talleres Trébore Xardinaría
Proxecto exemplar pola integración de arte, técnica e sustentabilidade. O xurado destacou a forte implicación social, a educación ambiental, a creación de hábitats naturais, o uso de especies autóctonas e materiais locais, así como o deseño resiliente e orientado á mellora bioclimática.

Fotografía: Marcos Morilla
Segundo premio
Rehabilitación do Concello Vello de Moaña
Autora: Ana Anguiano Blanco
Empresa: Píntega Xardíns
Un xardín vertical atrevido e innovador, cunha gran diversidade de especies e múltiples beneficios ambientais. A proposta destaca polo uso eficiente do espazo urbano, a mellora do illamento térmico e acústico, e o uso de técnicas modernas que favorecen a sustentabilidade.

Terceiro premio
Rehabilitación e deseño de xardín en San Vicente de Mañufe
Autor: Ángel Romero Rodríguez
Empresa: ARomero Paisaxismo
Un deseño que mestura tradición e modernidade, adaptado ao entorno e coidando os aspectos estéticos e funcionais. Valórase a recuperación de elementos existentes, a adaptación ao clima local e a creación dun espazo multifuncional, aínda que se sinala a necesidade de maior diversidade vexetal.

Outras candidaturas clasificadas:
4º posto: Proxecto Residencial Foxos, en Sanxenxo (Pontevedra), de Carmela Moral Ardines (Orza Paisaxismo).
5º posto: Reaxardinamento da zona exterior – Proxecto Marga-Sabarís, de Marina Muñoz Orta (Brivegmar).
Os Premios Xardín Galego continúan apostando por un paisaxismo con identidade galega, sostible, innovador e con valor social, contribuíndo á construción de espazos verdes que melloran a calidade de vida e o benestar colectivo.
Comentarios recientes